A historia de AMABUL
Asociación Medioambiental Amabul nace o 24 de febreiro de 2004 no concello de Vedra, como un colectivo local que procura, entre outros fins, defender e promocionar os valores naturais da comarca, mellorar e recuperar os espazos naturais da zona e aumentar a concienciación social arredor da nosa contorna.
Como se desprende dos seus obxectivos constitutivos, durante os seus primeiros anos de vida, Amabul dedícase a promover pequenos proxectos no ámbito municipal para a valorización da natureza endóxena, como o Vedra Terrae, para promover competencias científicas entre as súas xentes, a través da Semana da Ciencia ou para re conectar co pasado dos seus poboadores, como no proxecto Roteiro da Emigración.
Durante este tempo conforman o seu equipo de traballo persoas provenientes sobor toda da esfera cultural, até que no ano 2008 diversos profesionais da educación ambiental comezan a participar de xeito activo na dinámica de Amabul. Nese mesmo ano nace a primeira iniciativa na comarca para a educación para a sostibilidade da xuventude ullán, a Escola de Verán de Desenvolvemento Sostible, precuela da actual Escola Ambiental Amabul e xermolo formativo da actual estrutura da asociación.
Cando se cumpre a primeira década de existencia de Amabul, a proxección da asociación comeza a exceder o ámbito local, coa execución das primeiras Xornadas Micolóxicas Cogomelar no ano 2014, recrutando por primeira vez usuarias/os das comarcas de Compostela, Sar, Deza, Terra de Montes ou Barbanza.
Dende este momento Amabul compaxina veráns educativos coa mocidade e outonos formativos con amantes dos cogomelos, xa traballando nun radio de acción extra municipal, alternando estes proxectos con accións puntuais de sensibilización e mellora da contorna.
Logo de case tres lustros, en 2018, Amabul decide dar un salto de calidade, renovando e rexuvenecendo a súa estrutura organizativa e sistematizando os seus programas e proxectos.
Nace o Programa de Voluntariado como canteira de futuros activos ambientais da asociación e para dar cobertura aos recen nados proxectos Erradicadescantia e Faladoiros.
Instáurase un Programa de Prácticas Curriculares para que, as persoas con inquedanzas ambientais, poidan aportar a Amabul ao tempo que Amabul lles aporta a elas.
E desagrégase o programa de educación ambiental en tres programas transversais: o Programa de Acción Ambiental, o Programa de Capacitación Ambiental e o Programa de Divulgación Ambiental, co gallo de aumentar a calidade da acción pedagóxica ambiental.
A partir deste intre e até a actualidade, diferentes profesionais da educación e da natureza comezan a interesarse por Amabul, comprometéndose como activos ambientais da asociación e conformando o equipo interdisciplinar que sobor a data é Amabul.
Actualmente son diversas as institucións e entidades autonómicas que colaboraran con Amabul, outras de ámbito nacional como a Universidade de Castela A Mancha ou internacional como SeoBirdLife.
Amais AMABUL está inscrito nos seguintes rexistros:
- Rexistro Central de Asociacións co núm. 2021/024673-1ª
- Rexistro Provincial de Asociacións co núm. 2004/7564-1ª
- Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia co núm. 2008/0086
- Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia co núm. O-865
- Censo de Entidades Xuvenís e Entidades prestadoras de servizos á xuventude co núm. 50PS0246.
Tes interés na túa contorna?
Faite socio de AMABUL