Amabul ven de adherirse á Estratexia Transnacional de loita contra a Cortaderia Selloana

Amabul ven de adherirse á Estratexia Transnacional de loita contra a Cortaderia Selloana, que se redacta no marco do Proxecto LIFE17 NAT/ES/000495, “Urgent measures for controlling the spread of Pampas grass (Cortaderia selloana) in Atlantic area” LIFE STOP Cortaderia.

Trátase dun proxecto dedicado íntegra e especificamente á xestión contra o plumeiro da Pampa nas costas atlánticas portuguesa, española e francesa, entre os anos 2018 e 2022, que, promovido por unha alianza transnacional de entidades do terceiro sector, autoridades públicas e centros de investigación, conta co respaldo principal da Comisión Europea e do Goberno de Cantabria, xunto a outras entidades públicas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España, a través da Fundación Biodiversidad, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Xunta de Galicia e Concello de Santander) e privadas (as empresas Astander, Solvay e Viesgo).

Cortaderia selloana é unha planta de orixe sudamericana que comezou a citarse como especie asilvestrada a mediados do século XX, ocupando hábitats naturais, en diferentes zonas do Arco Atlántico e, dende entón, as súas poboacións seguiron unha preocupante tendencia ascendente que, na actualidade, está a repercutir negativamente na nosa biodiversidade e na calidade das nosas paisaxes.

Para poder combater esta ameaza ambiental, o enfoque transrexional e transnacional é decisivo para obter éxito na loita a medio e longo prazo, xa que de nada serve eliminar os plumeiros nun territorio se o territorio veciño non se compromete na mesma liña. O problema ecolóxico é o mesmo e debe abordarse conxuntamente, dende unha perspectiva trasnacional, de Arco Atlántico, para o que, dende Amabul confiamos en que esta Estratexia supoña un punto de inflexión.

9

Máis info…. http://stopcortaderia.org/